Saturday 04 de May de 2024

Máis da metade das aldeas de Brión teñen cobertura ou previsión de cobertura de fibra óptica e as restantes están incluídas nas convocatorias do programa do Estado


 

Tras o despregue de fibra óptica de Telefónica en 13 localidades das parroquias de Brión e Os Ánxeles, no primeiro trimestre de 2020 terán lugar as actuacións en Mourentáns (Viceso) e Tembra (Boullón)

Máis da metade das entidades de poboación de Brión xa dispoñen de cobertura ou previsión de cobertura de fibra óptica, segundo datos ofrecidos pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao Concello de Brión. O alcalde brionés, José Luís García, celebra que “a día de hoxe, 56 das 106 aldeas de Brión contan con cobertura o previsión de cobertura de fibra óptica. E os outros 50 núcleos están incluídos como entidades elixibles nas convocatorias de axuda anuais que publica o Estado no marco do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración”.

Así, durante 2019 este programa estatal xa despregou fibra óptica de Telefónica nos núcleos de Cabanas e Gontade (na parroquia de Os Ánxeles) e Brans de Abaixo, Brans de Arriba, Brión de Arriba, Cabreiros, O Casal, O Enxo, Gronzo, Lamiño, Liñares, Pedrouzos e Quintáns (na parroquia de Brión). Ademais, nos próximos meses despregarase fibra de Telefónica na aldea de Tembra, na parroquia de Boullón.

Ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia confirmou que o núcleo de Mourentáns, na parroquia de Viceso, disporá de fibra óptica de Telefónica antes de que remate o primeiro trimestre de 2020, nesta ocasión grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia.

José Luías García lembra que “pola súa orografía, Brión sempre foi un lugar complicado para o despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, polo que celebramos que 56 das nosas aldeas xa conten con este servizo e agardamos que nas próximas convocatorias poidamos continuar co despregamento destas redes nas outras cincuenta aldeas do municipio”.